Saturday 18 de May de 2024

Villoslada: “O Concello xa realizou os seus deberes para facer realidade a Intermodal; agora tócalle mover ficha á Xunta”


 

O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sinala que o Goberno autonómico xa dispón desde o mes de outubro dun novo borrador do convenio marco onde se establecen as bases de actuación entre a Xunta, o Concello e Adif.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, mostrouse hoxe “moi asombrado” polas declaracións da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nas que pon en dúbida a actitude colaboradora do Concello da Coruña no proxecto da estación Intermodal. “Estamos sorprendidos porque desde que chegamos ao Goberno local fixemos os nosos deberes de acordo cos asuntos abordados nas conversas e reunións mantidas ata o momento con responsables do Goberno da Xunta e de Adif”, sinala o concelleiro, quen lle pide á Xunta “que non poña escusas e avance na Intermodal”.

Lémbralle que o Goberno local aprobou a primeira das modificacións do Plan Xeral requirido pola Xunta para construír os accesos á Intermodal, que supón a apertura dunha vía entre as avenidas de Arteixo e da Sardiñeira. “Se cadra o que falta é coordinación entre as consellerías”, apunta o concelleiro, xa que o documento foi remitido a Consellería de Medio Ambiente.

Juan Díaz Villoslada sinálalle ao Goberno autonómico que, desde o mes pasado, dispón dun novo borrador do convenio marco onde se establecen as bases de actuación das tres administracións para levar a cabo o proxecto de construción da Intermodal, e que “estamos á espera de que a Xunta nos dea unha resposta e se convoque unha nova reunión para ultimar este convenio”, afirma o concelleiro.

Ademais, nunha próxima Xunta de Goberno poñerase en marcha a aprobación dunha segunda modificación puntual no Plan Xeral de Ordenación Municipal que

afectará á avenida da Sardiñeira. O Concello, di, espera que a Xunta inicie canto antes os trámites para aprobar o proxecto de urxencia ou especial interese de recolocación da terminal de autobuses na nova estación conforme a Lei 3/2016.
E, por último, a Concellería inclúe no orzamento para 2020 as obras necesarias para a terceira actuación que completa os accesos á Intermodal e que ten como ámbito a avenida do Ferrocarril que “non require unha adaptación previa do plan xeral”, indica o responsable de Urbanismo.